Toca o despertador. Queda 1 hora e algo para a miña hora de incorporación ó traballo. Fago as miñas cousiñas, un cola cao rápido, e en marcha.
Un cuarto de hora en chegar á estación. O meu traballo está a 60 km e só me queda media hora, pero na estación non hai ningún coche agardando por min para voar sobre a autoestrada, senón que en breves momentos un tren pasará a recollernos a min e os outros traballadores e estudiantes que hai no andén. Alá chega el, unha chea de vagóns dende Ferrolterra. Para para deixar a uns poucos e para coller o outros tantos. Apenas uns segundos despois de que o revisor pase a marcar o meu bono de 50 viaxes, estamos xa na cidade herculina. Aquí si que baixa máis xente, e case que todos os que subiron conmigo en Betanzos. Outros suben para seguir hacia o sur.
No tempo que me queda para chegar a destino, apenas me dá tempo a ler un par de páxinas do xornal, así que decido cabecear un pouco. Non me entero cando pasamos por Cerceda, pero despois de Ordes xa me empezo a desperezar. Dentro de nada estarei en destino. Ó chegar, moitos somos os que baixamos na capital, e moitos os que suben para parar na cidade máis poboada de Galicia ou nalgunha das vilas intermedias. Aínda me sobran uns minutiños, poderei ir dando un paseo ata o traballo.
Para quen non coñeza nada de Galicia, pensaría que estou narrando o percorrido dun traballador xaponés ou madrileño. Sen embargo, parte do contado está (teoricamente) moi preto de converterse en realidade. Según a noticia dun xornal, a finais do ano que ven Coruña e Ourense estarían unidas por un tren que faría o traxecto en menos dunha hora. Por fin se empeza a ver a luz, se unha liña de tren de alta velocidade vertebra Galicia de norte a sur e de este a oeste. Parece que a capital e a segunda e terceira cidades de Galicia serán as primeiras en beneficiarse.
Unha vez montada a infraestructura, só quedará confiar en que a xente teña unha resposta positiva. E o digo sempre baseándome en que os prezos sexan razoables, así como os horarios. Dos galegos e dos seus gobernantes dependerá que progresemos. Quen sabe se algún día se verán trens (case tan) cargados como o da imaxe. De nós dependerá.

O tren entre Coruña e Betanzos recollendo a un coñecido músico no apeadero de Raxás