Lugares
Dende Irún a Betanzos vía Santiago Nin os vascuences, nin os cántabros nin os astures. Nin eles nin os seus abruptos camiños impediron que os fillos de Breogán voltasen á Gallaecia. Entre o 16 e o 26 de xullo 3 intrépidos brigantionos fixeron o camiño do Norte en distintos intervalos. Comezando nunha chuviosa mañá irundarra e finalizando nunha suave tarde brigantina. Se queres coñecer un pouco máis desta historia, xa sabes onde tes que pulsar.
Villa "empapado" de camiño. Nalgún lugar entre Ribadesella e Avilés
Xornada 1. 17/07/09. Irún-Deba. 90 km. 8 h:15 m
Despois dunha maratoniana xornada en bus (Coruña-Irún, 13 horas) e unha dormitada na pensión Bidasoa, partimos dende a ponte que separa Francia de Euskadi, a ponte de Santiago. O día nublado fixo que fixéramos as primeiras probas de chuvasqueiros e plásticos cubre-equipaxes. Ós poucos kilómetros, as vistas fan que a dura xornada mereza a pena. Seguimos o camiño ó dedillo, o cal comprabaremos a posteriori que se acaba volvendo inviable para o bicigrino. Pobos impresionantes como Pasaia Donibane (Pasajes de San Juan) ou Lezo complementan ós maravillosos montes e as vistas ó Cantábrico. Antes de chegar a Donosti, o camiño leva por acantilados e faros, impresionantes pero imposibles para a bici, o que fai que teñamos que empuxar delas un bo treito. De Donosti nada que non se saiba, fermosa cidade con fermosas praias. O vento comprícanos o avance. Tras pasar por Zarautz decidimos que o máis sensato é ir por estrada para chegar a unha hora decente a Deba e poder atopar o albergue aberto. Rondando as 20 chegamos e polos pelos collemos á hospitaleira. Tras durísimos camiños, primeiros pinchazos e trombas de auga infinitas, o día tiña un final feliz baixo teito. Unha volta e unha ceiña por Deba, e para a piltra.
Faro de la plata, preto de Donosti
Xornada 2. 18/07/09. Deba-Bilbao. 100 km. 9 h
Tras a xornada matadora do primeiro día, decidimos non seguir tanto o camiño, e coller máis estrada.Sen embargo, volvemos a collelo ata aproximadamente a hora de comer, á altura de Gernika. Sen embargo, os picos tamén aparecen por estrada e o camiño segue sendo durísimo. Cansados, esta xornada non ten moita máis historia que a anécdota de non ter sitio en Lezama (onde tiñamos pensado pernoctar) e de ir a Bilbao coa incertidumbre de ter o albergue aberto. Ó borde do fin das nosas forzas, baixamos a Bilbao a 60 km/h por unha estrada ateigada de coches e atravesamos a cidade (de paso facendo "turismo express"), para finalmente chegar ó albergue (instalado nun colexio) sobre as 20 da tarde.
Villa nos montes Euskeras
Xornada 3. 19/07/09. Bilbao-Laredo. 70,93 km. 5 h:32 m
Entre Cantabria e Euskadi, seguen os barrancos
Xornada 4. 20/07/09. Laredo-S. Vicente Barquera. 125,53 km. 8 h:02 m
Comezo accidentado de xornada, con pinchazo (o único de Villa). Non botamos moito tempo amañandoo, pero é bastante molesto cando agardan máis de 100 km por diante. O tempo é soleado. Sen coller o camiño, tiramos hacia Santander, a uns 60 km coa esperanza de chegar antes da tardiña. Atravesamos Santander vendo cidade e praias. Para saír, intentamos orientarnos cunhas despistadas guías turísticas, pero finalmente, un "anxo do camiño" en forma de señor Santanderino nos indica a mellor ruta para chegar a destino, que neses momentos era Oruña. Improvisamos comida mercando nun hipermercado, a base de froita e pasteliños. Pasamos Santillana dirección Comillas, o noso obxetivo (neses momentos). Cando chegamos vemos que o lugar é moi fermoso e xa vemos preto o fin da maratoniana xornada. Un pinchazo de Pablo retrasa a chegada ó albergue. Aire á roda e xa se amañará ó chegar. Pero ata o rabo todo é touro. Ó chegar ó albergue dannos a noticia de que non hai sitio, só unha colchoneta (co cal un de nós tería que durmir no chan). Así que hai que ir a San Vicente, a 12 km e con máis de 110 km no lombo. Por se fora pouco, empeza a tronar e a chover, pero antes de saír a fume de calozo hai que amañar a roda. Unha vez trocada a cámara, facemos a "contra" a San Vicente, disfrutando polo medio dunha curiosa especie de ciénagas. Como non podía ser doutra forma caeunos a tromba enriba (curiosamente a única que caeu ese día), pero a lo menos chegamos a San Vicente e tiñamos sitio e nos daban de cear. Por fin unha boa noticia despois dunha longa xornada.
Unha das praias de Santander
Xornada 5. 21/07/09. S. Vicente Barquera-S. Esteban. 79,85 km. 5 h:26 m
Despois de almorzar no albergue de S. Vicente e da foto de familia, partimos rumbo a Ribadesella, facendo o último tramo de Cantabria e o primeiro astur. A idea era variar o obxetivo dese día (S.Esteban) por Ribadesella, que está un pouco antes, e pasar o día con calma descansando en Ribadesella. Pero non todo sae como se ten planeado, e menos no camiño. O día é soleado, collemos un tramo do camiño na fronteira entre Asturias e Cantabria. Dende o alto, vemos o último pobo de Cantabria. Unha vez en Ribadesella dinnos que non hai sitio, así que só queda a opción de S.Enteban de Leces, a uns 5 km (como estaba previsto nun principio). Sen embargo, tras comer en Ribadesella, deixamos as cousas no albergue e baixamos de novo a Ribadesella, onde pasamos a tarde entre a praia e o paseo. É curiosa a zona onde se poden ver pegadas de dinosaurios (ó final do paseo), pero a marea alta non nos deixa ver nada. É cedo cando estamos de volta no albergue. En S. Esteban non hai moito que facer, así que non é moi tarde cando collemos cama e descansamos ata o día seguinte.
San Vicente de la Barquera pola mañanciña
Xornada 6. 22/07/09. S. Esteban-Avilés. 90,82 km. 5 h:43 m
En principio a idea era pernoctar en Xixón, pero o "anxo do camiño" do día, en forma de hospitalera de S.Esteban recoméndanos "pasar" de Xixón e tirar para Avilés, onde hai un albergue de peregríns (en Xixón non hai). Tras parar a almorzar a uns 15 km de Ribadesella, decidimos non facer parada hasta Xixón, para comer. O camiño é cómodo excepto a subida ó saír de Villaviciosa. En Xixón entramos polo Molinón, con tempo abondo para ver a cidade e saír con tempo a Avilés. Sen embargo, de novo o camiño se mostra intratable e nos diluvia en Xixón. Botamos como unha hora esperando a que escanpe nas aforas cubertas dunha igrexa, pero finalmente, ante o encapotado tempo, decidimos que o mellor é ir a comer e tirar para Avilés, deixando a visita turística por Xixón (do que só vimos o paseo da praia) para unha mellor ocasión. Comemos nun vexetariano (eu destacaría o gazpacho con melón) onde nos tratan XENIAL (incluso nos deixaron meter as bicis dentro), dando cos segundos anxos do camiño do día. Ata nos dan empanada para o camiño e nos agasallan con mini botellas de aceite (e todo por 10 euros per capita).
O famoso vexetariano de Xixón
Así, con gusto de tratar con xente así, tiramos para Avilés, por estrada, con bastante tráfico pero cómoda, casi toda sen altibaixos. Ainda nos da tempo a visitar Avilés e a tomar algo. O día seguinte será ó derradeiro plenamente "asturiano".
Pablo tomando chilindradas nun húmido Avilés
Xornada 7. 23/07/09. Avilés-Almuña. 84 km. 5 h:50 m
O que en teoría ía a ser un paseo ata Luarca, converteuse na xornada ciclista pesadelo deste camiño. Para non perder moito tempo, e para poder pasar a tarde con calma en Luarca, decidimos ir Villa e eu por estrada para atoparnos con Juan (que comezaba o camiño aquí) para comer. Pero de novo o camiño deunos o seu "sablazo" habitual. Costas abaixo empinadas que remataban en repeitos arriba empinados durante quilómetros e quilómetros. A lo menos o tempo non estaba moi revolto e apenas choveu. Finalmente non chegamos nin para comer, así que paramos nun restarante no camiño con "menú del peregrino". Por se fora pouco, eu volvín pinchar. Sobre as 15 chegamos a Luarca, e imos marcha atrás a Almuña, ao albergue. Aínda tivemos tempo para baixar a Luarca e botar unhas sidrinas mentres Juan contaba batallitas da terra. Cun lixeiro "mareillo", voltamos para o albergue a agardar a noite e a nova xornada, que remataría en terras galegas.
Juan e Luarca, Luarca e Juan
Xornada 8. 24/07/09. Almuña-Lourenzá. 94 km. 6 h:50 m
Durante os primeiros quilómetros desta xornada, fumos fieis ó camiño. Ainda que parecía que non teríamos problemas, rematamos por ir por estrada. Non foi sen ter escarmentado antes, por ter que pasar por verdadeiros lamazales, salvado toros caídos no medio do camiño e incluso un riachuelo, onde cada un se enxeñou como puido a forma de pasar. Para entrar en Galicia averiguamos que a ponte da autovía (a "Ponte dos Santos") ten un paso peonil. Así que en vez de dar o rodeo por Vegadeo (o cal sumaría 20 km ós nosos abultados contaquilómetros) optamos por ir por dita ponte. En Galicia os camiños son cómodos de seguir e dende Ribadeo subimos sen pena nen gloria ata Lourenzá, evitando picos na medida do posible. Polo medio, conversas con algún vello do lugar e moita vaca. En Lourenzá a amable hospitarela nos dí que teñen sitio para 3 cansados peregríns. Sen embargo, un deles (digamos "Pablo") non pode durmir na litera porque xusto enriba ten unha viga chega de formigas voladoras que non fan máis que caerlle enriba. Un improvisado colchón no chan é a solución. Non é o ideal para ter ó día seguinte unha dura xornada de case 100 km, pero éche o que hai.
Perdidos en la selva? Supervivientes?.... non!, Villa e Juan cruzando o riachuelo
Xornada 9. 25/07/09. Lourenzá-Sobrado. 93,03 km. 5 h:51 m
Decidimos ser madrugadores para ter tempo para facer a dura xornada que nos agardaba. Ata 4 picos de certa categoría por diante. Ainda que se ven nubes, o día parece que finalmente é soleado. Quentamos xa cun portiño ó saír de Lourenzá, ainda que o ritmo suave que levamos fai que non teñamos problema. Seguimos todo o tempo por estrada ata Mondoñedo, ó cal só vemos de pasada. Antes de chegar a Baamonde Villa decide intentar chegar a Santiago, aforrar un día e descansar o domingo. Así que a partir de ese momento o destino dos 3 viaxantes foi por separado. Villa chegaría ás 20:30 ó Obradoiro, para continuar a súa vida con normalidade a partir dese momento, tras unha dura xornada de 150 km (casi non lle dan a compostelana por non crer que fixera a etapa dende Lourenzá, "esto no es Castilla", decían). Pero ó resto do nosos protagonistas aínda lle quedaba día e pico de aventura. Tras comer en Baamonde, fumos por estrada pasando por Guitiriz. E cunha sufrida subida á Cova da Serpe e cun cambio de provincia, chegamos á terra prometida de Sobrado. O impresionante monasterio alberga o albergue e tras buscar camas cun frailecillo graciosillo, encontramos o noso repouso entre os muros sagrados. Por fin podemos durmir en paz, sabendo que ó día seguinte os "señoritos do camiño" (en palabras do fraile para referirse ós que van en bici facendo o camiño) atoparemos a nosa meta.
O monasterio de Sobrado, o último albergue
Xornada 10. 26/07/09. Sobrado-Santiago-Betanzos. 115 km. 9 h
A néboa de pola mañá mollou a roupa que deixáramos a secar o día anterior. Pero hoxe da igual, nunhas horas toda a roupa estará a remollo na casiña. Pero antes hai que pasar pola capital de Galicia. Con bastante frío saímos de Sobrado (despois de despedirnos por última vez dos "colegas", 2 bicigrinos cos que coincidíramos dende Laredo), por verdadeiros "camiños de Santiago". Xa non o abandonamos ata o final. Cada vez hai máis peregríns, sobre todo a partir de Arzúa, onde o irundarras nos mezclamos cos roncesvallenses. Nos derradeiros quilómetros as pernas voan por chegar a destino, apenas disfrutando dos carreiros de vacas polos que pasamos. As árbores suministran frutas para os últimos metros. O sol vai aparecendo a medida que descendemos e entra o día. Tras o par de repeitos duros da xornada, en Lavacolla e en Monte do Gozo, chegamos a Santiago. Agardamos unha boa cola pola Compostela, pero por fin está feito: misión cumplida. Dez días despois e con 800 e pico quilómetros nas pernas, a fazaña rematou. Un paseo e unha comida por Santiago conclúen o camiño. Os 60 km de volta a casa pura anécdota. Unha vez en Betanzos, haberá que empezar a asimilar tódalas anécdotas e todos os km pasados.
Chegamos!
En fin, todo un mexunxe de xente (madrileños, cataláns, vascos, murcianos, "paisanos", etc), lugares extraordinarios bai8xo nubes de obra de arte ou baixo o ceo azul, experiencias ledas e tristes, dificultades mecánicas e de aloxamento ou avituallamento, desconexión mental e laboral, etc, etc, fan este camiño realmente recomendable. Falábamos cunha rapaza que casi chora o primeiro día polo esforzo, e é certo que un se caga en case todo sobre todo nas primeiras etapas, pero unha vez "arrincado", xa non hai tempo para as penas. Todo se disfruta. Se as forzas me acompañan, eu repetirei, pero seguramente por outra ruta. Eu a miña compañeira infatigable que nunca falla, a amiga bici. E espero poder volver a contalo. Así que para quen queira... ata a seguinte!
Incidencias
km totais
Pablo 943,16 (10 días)
Villa 886,16 (9 días)
Juan 302,03 (días)
km/día
Juan 100,68 (3 días)
Villa 98,46 (9 días)
Pablo 94,32 (10 días)
km maximos/xornada
Villa 150 (Lourenzá-Santiago)
Pablo 125 (Laredo-S. Vicente)
Juan 115 (Sobrado-Betanzos)
km mínimos/xornada
Pablo 70,93 (Bilbao-Laredo)
Villa 70,93 (Bilbao-Laredo)
Juan 93,03 (Lourenzá-Sobrado)
pinchazos
Pablo(4), Villa(1), Juan(0)
caidas (leves)
Villa(2), Pablo(0), Juan(0)
pájaras
-sin datos-
| Comentarios |
|